28 oct 2010

“Os Cármenes de Amando”



            O Centro Cultural da Deputación de Ourense presenta, na súa sede da Rúa do Progreso da capital das Burgas, até o 13 de febreiro unha mostra do pintor Amando baixo o título de Cármenes.
            A exposición, que repasa os últimos anos da produción do pintor, permite percibir, xa desde a ollada inicial, que se trata dunha obra extremadamente coherente e matinada, na que se aposta de xeito decidido pola hexemonía do traballo pictórico, algo moi de agradecer en tempos nos que a pintura ficou en moitos casos relegada en moitos escenarios da arte contemporánea. Nas obras que nos presenta Amando, realizadas case todas nos últimos dous anos, o artista parte dunha pequena suxestión da natureza, da toponimia, dun estado anímico, ou de varios destes elementos combinados, para elaborar un mundo plenamente persoal e suxestivo no que insinúa de relación co punto de partida, pero sobre todo polo que como pintura comunica, creando unha realidade paralela á natural que serve de espoleta inspiradora.
            O universo resultante, moi lírico, aproxima a obra de Amando, aparentemente, ás correntes da abstracción lírica, mais, o resultado que transmite é distinto, hai nel unha sensación de familiaridade, de mundo recoñecíbel, case realista, estraño ao que en xeral a abstracción consegue comunicar.
            Nos cadros da mostra podemos seguir a impresión do pintor, que a partir dun proceso de elaboración plenamente pictórico, acaba por suxerir unha relación con lugares familiares, ligados ás súas vivencias —algunhas mesmo con matices antropolóxicos—, como acontece con obras como Praza de Compostela, Val do Avia, Las ou  Curtiñal. A chave da pintura de Amando está na combinación dun punto de partida de matriz pictórica que acaba por atinxir un carácter conceptual —unha sensación, un estado anímico, unha experiencia de comunicación co medio natural— para a partir de ambas crear un mundo baseado na estilización da luz e da cor. A dosificación deste xogo de elementos é o que permite a comunicación, o que fai que as obras funcionen como pintura, xa liberadas do peso da simple realidade; aspecto este de funcionar como pintura, non tan frecuente como nunha primeira impresión non atenta puidese semellar.
            Hai unha cita no fermoso catálogo editado con ocasión da mostra que pode ser ben ilustrativa do camiño que como pintor segue Amando, da intensa vontade poética que a súa obra agacha. Nel cítase os Diarios de Nicolaes ou Claes van Brechem, pintor holandés do século XVII que di: “A medida que envellezo, síntome mellor en todas partes. Xa non resido demasiado no meu corpo. Temo morrer calquera día destes. Sinto que a miña pel se volveu demasiado fina e porosa. E dígome a min mesmo. Un día a paisaxe acabará por me atravesar”.
            Algo dese desexo e desa poética aparece nos cadros de Amando, con esa aproximación á natureza realizada por medio dunha enorme austeridade formal, con esa levidade que preside toda a súa obra, coa sutil gradación de xogos lumínicos de diversas intensidades e modulacións, que acaba tamén por nos implicar e envolver.
            En Amando o interese pola paisaxe mantense ao longo de toda a súa obra, inscrito nunha vontade de aprehender o signo do tempo, ficando a paisaxe esencializada, reducida a un mínimo mais sutil xogo alusivo, no que tamén ocupa un papel fundamental a poética do título que é parte central da construción estética porque acaba por ser el o elemento conclusivo, que potencia o resultado final e que nomeando acaba tamén por completar a creación, lembremos que desde a Biblia nomear é crear, que a palabra pode ser ela mesma creación.
            Non quixera deixar de sinalar, para rematar, que a sala de exposicións da Deputación de Ourense e a montaxe realizada polo artista, ambas de grande atractivo, reforzan e dialogan cos cadros expostos, conseguindo un rico e suxestivo equilibrio que fai resaltar os matices, especialmente lumínicos das obras.

PINTOR E EDITOR

            Amando, alén de pintor, é un artista moi interesado pola reflexión teórica. El foi fundador e editor da revista Microfisuras, subtitulada expresivamente “Cadernos de pensamento e creación”, unha iniciativa que sumaba ao enorme rigor e calidade a presenza de pensadores de primeira liña internacional, centrándose normalmente en números monográficos de variados temas —“Arquitecturas”, “Exilios”, “A auga”, “Tempos incertos”, son algúns deles— nos que abundaba a análise teórica sobre as artes. Unha aventura da que saíron vinte números entre 1997 e 2002, que esperemos que teña unha continuidade o unha sucesión, nun contexto como o noso non sobrado de foros de debate por cuestións ligadas á reflexión sobre as artes plásticas.

Carlos L. Bernárdez

Páx. no Faro da Cultura (diario Faro de Vigo), 10 de febreiro de 2005

No hay comentarios: