12 ene 2012

"Arte e cidade" por Carlos L. Bernárdez


O xornal Faro de Vigo,  na páxina 5 do seu suplemento Faro da Cultura, recolle o artigo de Carlos L. Bernárdez Arte e cidade. Nos territorios de Amando. Cor e superficie.



 
ARTE E CIDADE. NOS TERRITORIOS DE AMANDO

Título: Mundo Amando
Artista: Amando
Cafetaría Cosmos, Marqués de Valladares, 17, Vigo
Até o 23 de xaneiro de 2012


            O pintor vigués Amando leva máis de medio ano desenvolvendo un singular proxecto expositivo, ligando a súa creación pictórica a locais achegados a seu territorio vital, no centro da cidade de Vigo.
            Neste espazo balizado, que poderiamos definir como “territorio Amando”, desenvólvese unha dupla tensión, por unha banda delimita o seu universo vital ao presentarnos a súa obra en locais situados en ámbitos achegados á vida do artista; e por outra, xorde dun desexo de amosar o seu labor fóra dos circuítos habituais de exposición, con doses de potencial vontade performativa.
            As tres mostras até agora presentadas: Cóctel Amando; Amando en frío e Mundo Amando no son de xeito ningún simples exposicións dunha serie de traballos, senón que se configuran como construcións singulares, nas que os diálogos cos espazos comerciais son fundamentais, uns locais moi diferentes entre si: un pub, unha xeadería e unha cafetaría. Nos diálogos que se establecen percibimos un tratamento de xénero, no sentido que este concepto adopta tradicionalmente na pintura, escollendo un tipo de obras que suscita conexións cos espazos, mesmo de carácter temático, pero sen caer nunca no simplemente decorativo.
            En  Cóctel Amando, a mostra realizada na coctelaría Uno está (Rúa Real), dominaban as obras coloristas, con moito de festivo e con ese trazo expresivo característico do seu traballo dos oitenta –aínda que tamén presentaba pinturas máis recentes-. A intensidade cromática destas obras, mantida no seu labor posterior, acababa por configurar un universo lúdico, no que a final, o que triunfaba era a pintura como opción estética e vital.
            Amando en frío, realizada o pasado verán na xeadaría Capri (Praza de Compostela) reafirmaba este camiño, acentuando aínda máis o expresivo da liña, coas cores intensas e as figuras remarcadas por liñas grosas, como nos cadros en que representa personaxes a comer xeados, que se non soubésemos que son creacións de moitos anos atrás semellarían realizadas ex profeso para esta mostra, non apenas pola temática senón pola frescura e rotundidade, plenamente actual, que conservan. Son pinturas que naceron dunha intensa percepción da realidade vital e xeográfica que rodeaba –e rodea- o artista. A captación do local na obra de Amando sempre foi moi importante, cun mundo plástico entre o expresionismo abstracto e a carga icónica. En pinturas como estas, a relación coa tradición establecíase por medio do diálogo mais sen sombra de academicismo, facíase de xeito asociativo no que un referente vital ou cultural funcionaba, agromaba, para construír, para dialogar, para interactuar dentro do cadro.

COR E SUPERFICIE

            En Mundo Amando, a proposta que arestora se pode contemplar na cafetaría Cosmos, a adecuación ao local adopta perfil máis austero, que nos sitúa nas procuras formais do artista nos últimos dez anos, preocupado por lenes ritmos e variacións mais mantendo a fidelidade profunda aos principios pictóricos dos oitenta e noventa
            Nos traballos presentados neste novo espazo utiliza unha linguaxe alicerzada na cor e na superficie, moitas veces cunha sutil alusión paisaxística, en que a beleza é procurada na pincelada requintada que xa o di todo sen maiores adornos. Este aspecto maniféstase con claridade nas obras realizadas no primeiro lustro da pasada década, en pinturas nas que a alusión figurativa, de carácter paisaxístico, semella converter a pintura nun tránsito entre o mundo consciente e o inconsciente, entre memoria e visibilidade.
            A chave deste tipo de obras está na combinación dun punto de partida de base pictórica que acaba por atinxir un carácter conceptual –unha sensación, un estado anímico, unha experiencia de comunicación co medio natural- para a partir de ambas crear un mundo baseado na estilización da luz e da cor. A dosificación deste xogo de elementos é o que permite a comunicación, o que fai que as obras funcionen como pintura, xa liberadas do peso da simple realidade; aspecto este de funcionaren como pintura, non tan frecuente como nunha primeira impresión non atenta puider semellar.
            Nas realizacións máis recentes, o camiño de Amando é un vieiro cara o mínimo no que a pincelada flúe para conseguir tránsitos cromáticos de superficies evocadoras. Desbótase o innecesario, ficando signos elementais do pictórico, cunha pincelada que transmite un efecto táctil, fuxindo do luído nas superficies.
Sen renunciar ao sensitivo, para o artista a obra semella un sistema de pensamento. Neste sentido, cómpre lembrar que é un creador moi interesado pola reflexión teórica. El foi fundador e editor da revista Microfisuras (1997-2002), subtitulada expresivamente “Cadernos de pensamento e creación”, unha iniciativa que sumaba ao enorme rigor e calidade a presenza de pensadores de primeira liña internacional.
           
Carlos L. Bernárdez

No hay comentarios: