Mostrando entradas con la etiqueta Texto Carlos L. Bernárdez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Texto Carlos L. Bernárdez. Mostrar todas las entradas

14 ene 2013

ARQUITECTAR O XESTO. A PINTURA DE AMANDO ENTRE A PULSIÓN E O PENSAMENTO

Os oitenta naceron en Galiza cunha vontade colectiva, levada a cabo por pintores e escultores, que partindo da súa vinculación coas raíces da cultura galega, coa tradición renovadora anterior á Guerra Civil, querían constituírse nun fenómeno aberto á innovación vangardista, con desexo de universalidade. Tratábase dunha aposta decidida pola modernidade, que reivindicaba a tradición do movemento renovador d’Os Novos, e que puña ao día a nosa arte.
            Este fenómeno, que se comeza a manifestar a finais dos setenta, hai que o entender repasando condicionantes históricos, especialmente a ausencia dunha normalización cultural e política no período inmediatamente anterior e o divorcio entre as clases dirixentes e a cultura nacional galega, problema que vén do pasado mais que segue a ser evidente no presente. Naturalmente a actitude desta nova xeración, que coincide coa dos oitenta en literatura, ten os seus precedentes na progresiva modernización da sociedade nos setenta. Os maiores contactos internacionais e a propia dinámica interna fai que vaian aparecendo síntomas de renovación que favorecerán a eclosión artística dos oitenta, que sen dúbida abriu unha nova traxectoria para a arte do noso país.
            O horizonte cultural desta altura destacou pola liberdade expresiva, a multiplicidade de liñas, conceptos e linguaxes, sen unha única tendencia dominante, aínda que en moitos creadores máis novos era notoria a pegada do expresionismo abstracto, pois realizan unha especie de neoexpresionismo caracterizado pola forza da pincelada, influencia que se iría limitando posteriormente na procura de acentos persoais de cada autor. O que si se percibe na maioría das obras e artistas destes anos é a firmeza, a enerxía, a integridade e a ausencia de mediacións; valores que deberían ser irrenunciábeis para a toda a pintura moderna. Enténdase integridade como un valor pictórico, no sentido de valor de orde conceptual e tamén de vixencia.
O evidente nesta década é a recuperación da pintura no ámbito internacional e en particular un neoexpresionismo que se impón en mostras de tanta influencia como a Documenta 7 de Kassel (Alemaña) do ano 1982. Cómpre lembrarmos que a posición da pintura, o seu estatus no panorama da arte, se movía desde as vangardas históricas nas coordenadas dunha dupla polaridade: as da súa resistencia e as da súa posíbel desaparición, e nese contexto e debate cómpre inscribir os repetidos discursos da súa decadencia, da súa total disolución e os pulos de vitalidade como o acontecido na década dos 80. O enleado tecido de liñas que converxen no plural panorama dos 80 amosa que a pintura a pesar de todas as mudanzas seguía a ser un ben común e continuaba en boa medida a forma a ser un valor de uso a pesar da multiplicidade de linguaxes artísticas, que tiña un dos seus límites na arte conceptual máis pura.
Un dos pintores que realizan nesta altura unha aposta máis persoal e intensa é Amando González. Nas súas obras destes anos esta integridade compositiva faise máis que evidente con esa inmediata conexión entre o icónico e a cor que evita a teatralidade máis simple, unha teatralidade que estraga moita pintura actual. Ben pola contra, na súa obra hai unha aposta por unha creatividade inmediata, por unha ligazón estreita e fluída entre as fases e factores da súa creación: icónicos, cromáticos, psicolóxicos ou literarios, que se fan explícitos como parte do acto de creación, mais sen afogaren o valor do puramente plástico. É a súa unha pintura que ten moito de espacialidade expansiva e esencialmente cromática –sen dúbida herdanza do expresionismo abstracto- que a converte nunha “construción ambiental” que busca espontaneamente a arquitectura mergullando o espectador no seu mundo e abrindo o espazo para a súa imaxinación.     
A pintura dos oitenta da Amando encaixa perfectamente no máis creativo do panorama internacional da década. Mais o que fica claro ollando estas obras coa perspectiva temporal do noso presente é que a singularidade deste artista está en como configura a súa obra en plena ligazón coa realidade social e desde a experiencia persoal, inseríndose con absoluta consciencia na tradición artística nun sentido histórico e vivencial, conformándose os seus traballos como un paso máis no camiño dunha arte ligada completamente á modernidade, ao colectivo e ao popular, mais sen débedas individuais.
Neste marco enténdense mellor obras que nacen dunha intensa percepción da realidade vital e xeográfica que rodea o artista, pénsese na captación do local na paisaxe de Amando, cun mundo plástico entre o expresionismo abstracto e a carga icónica. Na súa pintura a relación coa tradición establécese por medio do diálogo mais sen sombra de academicismo, faise de xeito asociativo no que un referente do pasado cultural funciona, agroma, para construír, para dialogar, para interactuar dentro do cadro.


           
MATADOIRO AMANDO 

Matadoiro Amando, a mostra que presenta o Museo do Mar de Galicia, lígase a un proxecto máis amplo do pintor vigués, que foi vinculando a súa creación pictórica a locais achegados a seu territorio vital, na cidade de Vigo.
            Por medio dun conxunto de exposicións, o artista foi deseñando un espazo balizado, que poderiamos definir como “territorio Amando”,  e no que se desenvolve unha dupla tensión, por unha banda delimita o seu universo vital ao presentarnos a súa obra en locais situados en ámbitos achegados á vida do artista; e por outra, xorde dun desexo de amosar o seu labor fóra dos circuítos habituais de exposición, con doses de potencial vontade performativa.
            As tres mostras presentadas anteriormente: Cóctel Amando; Amando en frío e Mundo Amando non foron de xeito ningún simples exposicións dunha serie de traballos, senón que se configuraron como construcións singulares, nas que os diálogos cos espazos comerciais eran fundamentais, uns locais moi diferentes entre si: un pub, unha xeadaría e unha cafetaría. Nos diálogos que se establecían puidemos percibir un tratamento de xénero, no sentido que este concepto adopta tradicionalmente na pintura, escollendo un tipo de obras que suscitaban conexións cos espazos, mesmo de carácter temático, pero sen caer nunca no simplemente decorativo.
            Matadoiro Amando segue no esencial este esquema; cómpre lembrar que o Museo do Mar foi o antigo matadoiro da cidade e como tal está gravado na memoria colectiva dos vigueses e obviamente na do propio artista. A ampla serie que agora expón, presidida pola recorrente imaxe da vaca, insírese neste contexto, na memoria infantil do autor -ligada ao mundo rural do Ribeiro- coa presenza totémica da vaca e nunha tradición iconográfica de longa historia na arte occidental e que en Galiza ten exemplos tan brillantes e antigos como o Relevo de Vilarín, procedente de Vilarín, Becerreá (séculos I-II, Museo Provincial de Lugo), que representa unha procesión de bóvidos que semellan conducidos ao sacrificio, e que no seu esquemático primitivismo resulta estimulantemente moderno.
As siluetas de cabezas de vaca dominan a serie que presenta agora Amando levándonos, nunha primeira suxestión, a uns referentes de representación que nos transportan á natureza morta –en sentido literal-, nun abano que vai desde o Rembrandt do Boi esfolado (1655, Musée du Louvre) até Soutine (Boeuf écorché, 1925, Musée des Beaux Arts, Grenoble) e Bacon (Figure with meat, 1954, The Art Institute of Chicago), pasando polo Goya que fornece ás súas naturezas mortas unha intensa carga emocional. Excepcional é o caso de Bodegón con costillas, lomo y cabeza de cordero (1808, Musée du Louvre), do pintor aragonés, que enlaza coa liña máis expresiva do xénero e dota o que para outros artistas sería unha simple escena doméstica dun nivel tráxico e desolador.
Tamén teñen algo de desolador esas cabezas decepadas -con orixe en matadoiros- fotografadas no século XIX que algúns artistas utilizaban como modelos para o seu traballo, imaxes que vistas con ollos de hoxe non deixan de transmitir unha forza no exenta de desacougo, nunha combinación de banalidade e horror, aspecto que tamén evocan as fotografías anónimas do matadoiro parisiense de Les Halles ou o filme documental de George Franju Le Sang des bêtes (1949) e que asocio á anécdota contada polo propio Amando que lembraba como un traballador do matadoiro vigués, que el coñeceu na súa infancia, adoitaba acompañar as reses ao sacrifico cunha ladaíña de humor negro: “Anda Cholita, vete tranquila, que vas andando y vuelves en tranvía”. Banalidade e horror.
Esta crueza da decapitación atinxiu unha profundidade autorreflexiva, de afondamento no coñecemento da propia identidade e da condición humana, proxectada sobre unhas simples cabezas de animais, en pintores como Pablo Picasso e Luis Fernández, que transmiten toda a forza expresiva da ollada moderna en lenzos como Tête de mouton écorchée (1939, Musée des Beaux-Arts de Lyon), do malagueño ou Tête de veau (1939, Colección Telefónica, Madrid), do asturiano; trátase de lenzos realizados nun período de estreita relación entre ambos os artistas, en París, nos anos da nosa Guerra Civil. En obras como estas o efecto perturbador está agudizado pola illamento irreal das cabezas e pola ausencia aparente de significado, como acontece con calquera horror directo.
Amando, sen ignorar estas connotacións tráxicas, dota as súas cabezas de vacas dun valor ben distinto, acentuando o carácter cromático e estrutural. Desde o punto de vista plástico as obras participan das súas procuras dos anos oitenta, e nelas a referencia figurativa do animal funciona como un alicerce que arquitecta o cadro e que serve de soporte á xestualidade. Dominan as obras coloristas, con moito de festivo e con ese trazo expresivo característico do seu labor desta altura. A intensidade cromática destas obras acababa por configurar un universo lúdico, no que a final, o que triúnfa é a pintura como opción estética e vital. O conxunto da serie “Vacas” acentúa aínda máis o expresivo da liña, coas cores intensas e as figuras remarcadas por liñas grosas; velaí os cadros en que nos amosa figuras humanas e vacas, que se non soubésemos que son creacións de moitos anos atrás poderiamos pensar que foron realizadas ex profeso para esta mostra, non apenas pola temática senón pola frescura e rotundidade, plenamente actual, que conservan.
No seu esquematismo os cadros de Amando entroncan cunha frontalidade heroica e primitivista situándonos na tradición da modernidade cun discurso colectivo, nunha síntese de sentido e forma, como a que Karl Einstein teorizou en Negerplastik (1915) ao falar da arte africana, pensando no cubismo contemporáneo. Unha arte na que o teórico alemán achaba esa “prodixiosa intensidade” que transmite unha visión pura do espazo.
No pintor vigués, a alusión figurativa semella converter a pintura nun tránsito entre o mundo consciente e o inconsciente, entre memoria e visibilidade. A chave deste tipo de obras está na combinación dun punto de partida de base pictórica que acaba por atinxir un carácter conceptual –unha sensación, un estado anímico, unha experiencia de comunicación co medio natural- para a partir de ambas crear un mundo baseado na estilización da luz e da cor. A dosificación deste xogo de elementos é o que permite a comunicación, o que fai que as obras funcionen como pintura, xa liberadas do peso da simple realidade; aspecto este de funcionaren como pintura, non tan frecuente como nunha primeira impresión non atenta puider semellar. Desbótase o innecesario, ficando signos elementais do pictórico, cunha pincelada que transmite un efecto táctil, fuxindo do luído nas superficies. Poderiamos concluír subliñando que nestes traballos o artista, sen renunciar ao sensitivo, acaba por configurar o cadro como un sistema de pensamento. Arquitectura, xesto, pensamento e pulsión, todo un programa para afrontar os retos da pintura nun mundo estético en constante mudanza.

Carlos L. Bernárdez       
publicado en Faro Cultura (diario Faro de Vigo) el 11 de octubre de 2012

12 ene 2012

"Arte e cidade" por Carlos L. Bernárdez


O xornal Faro de Vigo,  na páxina 5 do seu suplemento Faro da Cultura, recolle o artigo de Carlos L. Bernárdez Arte e cidade. Nos territorios de Amando. Cor e superficie.



 
ARTE E CIDADE. NOS TERRITORIOS DE AMANDO

Título: Mundo Amando
Artista: Amando
Cafetaría Cosmos, Marqués de Valladares, 17, Vigo
Até o 23 de xaneiro de 2012


            O pintor vigués Amando leva máis de medio ano desenvolvendo un singular proxecto expositivo, ligando a súa creación pictórica a locais achegados a seu territorio vital, no centro da cidade de Vigo.
            Neste espazo balizado, que poderiamos definir como “territorio Amando”, desenvólvese unha dupla tensión, por unha banda delimita o seu universo vital ao presentarnos a súa obra en locais situados en ámbitos achegados á vida do artista; e por outra, xorde dun desexo de amosar o seu labor fóra dos circuítos habituais de exposición, con doses de potencial vontade performativa.
            As tres mostras até agora presentadas: Cóctel Amando; Amando en frío e Mundo Amando no son de xeito ningún simples exposicións dunha serie de traballos, senón que se configuran como construcións singulares, nas que os diálogos cos espazos comerciais son fundamentais, uns locais moi diferentes entre si: un pub, unha xeadería e unha cafetaría. Nos diálogos que se establecen percibimos un tratamento de xénero, no sentido que este concepto adopta tradicionalmente na pintura, escollendo un tipo de obras que suscita conexións cos espazos, mesmo de carácter temático, pero sen caer nunca no simplemente decorativo.
            En  Cóctel Amando, a mostra realizada na coctelaría Uno está (Rúa Real), dominaban as obras coloristas, con moito de festivo e con ese trazo expresivo característico do seu traballo dos oitenta –aínda que tamén presentaba pinturas máis recentes-. A intensidade cromática destas obras, mantida no seu labor posterior, acababa por configurar un universo lúdico, no que a final, o que triunfaba era a pintura como opción estética e vital.
            Amando en frío, realizada o pasado verán na xeadaría Capri (Praza de Compostela) reafirmaba este camiño, acentuando aínda máis o expresivo da liña, coas cores intensas e as figuras remarcadas por liñas grosas, como nos cadros en que representa personaxes a comer xeados, que se non soubésemos que son creacións de moitos anos atrás semellarían realizadas ex profeso para esta mostra, non apenas pola temática senón pola frescura e rotundidade, plenamente actual, que conservan. Son pinturas que naceron dunha intensa percepción da realidade vital e xeográfica que rodeaba –e rodea- o artista. A captación do local na obra de Amando sempre foi moi importante, cun mundo plástico entre o expresionismo abstracto e a carga icónica. En pinturas como estas, a relación coa tradición establecíase por medio do diálogo mais sen sombra de academicismo, facíase de xeito asociativo no que un referente vital ou cultural funcionaba, agromaba, para construír, para dialogar, para interactuar dentro do cadro.

COR E SUPERFICIE

            En Mundo Amando, a proposta que arestora se pode contemplar na cafetaría Cosmos, a adecuación ao local adopta perfil máis austero, que nos sitúa nas procuras formais do artista nos últimos dez anos, preocupado por lenes ritmos e variacións mais mantendo a fidelidade profunda aos principios pictóricos dos oitenta e noventa
            Nos traballos presentados neste novo espazo utiliza unha linguaxe alicerzada na cor e na superficie, moitas veces cunha sutil alusión paisaxística, en que a beleza é procurada na pincelada requintada que xa o di todo sen maiores adornos. Este aspecto maniféstase con claridade nas obras realizadas no primeiro lustro da pasada década, en pinturas nas que a alusión figurativa, de carácter paisaxístico, semella converter a pintura nun tránsito entre o mundo consciente e o inconsciente, entre memoria e visibilidade.
            A chave deste tipo de obras está na combinación dun punto de partida de base pictórica que acaba por atinxir un carácter conceptual –unha sensación, un estado anímico, unha experiencia de comunicación co medio natural- para a partir de ambas crear un mundo baseado na estilización da luz e da cor. A dosificación deste xogo de elementos é o que permite a comunicación, o que fai que as obras funcionen como pintura, xa liberadas do peso da simple realidade; aspecto este de funcionaren como pintura, non tan frecuente como nunha primeira impresión non atenta puider semellar.
            Nas realizacións máis recentes, o camiño de Amando é un vieiro cara o mínimo no que a pincelada flúe para conseguir tránsitos cromáticos de superficies evocadoras. Desbótase o innecesario, ficando signos elementais do pictórico, cunha pincelada que transmite un efecto táctil, fuxindo do luído nas superficies.
Sen renunciar ao sensitivo, para o artista a obra semella un sistema de pensamento. Neste sentido, cómpre lembrar que é un creador moi interesado pola reflexión teórica. El foi fundador e editor da revista Microfisuras (1997-2002), subtitulada expresivamente “Cadernos de pensamento e creación”, unha iniciativa que sumaba ao enorme rigor e calidade a presenza de pensadores de primeira liña internacional.
           
Carlos L. Bernárdez

28 oct 2010

“Os Cármenes de Amando”



            O Centro Cultural da Deputación de Ourense presenta, na súa sede da Rúa do Progreso da capital das Burgas, até o 13 de febreiro unha mostra do pintor Amando baixo o título de Cármenes.
            A exposición, que repasa os últimos anos da produción do pintor, permite percibir, xa desde a ollada inicial, que se trata dunha obra extremadamente coherente e matinada, na que se aposta de xeito decidido pola hexemonía do traballo pictórico, algo moi de agradecer en tempos nos que a pintura ficou en moitos casos relegada en moitos escenarios da arte contemporánea. Nas obras que nos presenta Amando, realizadas case todas nos últimos dous anos, o artista parte dunha pequena suxestión da natureza, da toponimia, dun estado anímico, ou de varios destes elementos combinados, para elaborar un mundo plenamente persoal e suxestivo no que insinúa de relación co punto de partida, pero sobre todo polo que como pintura comunica, creando unha realidade paralela á natural que serve de espoleta inspiradora.
            O universo resultante, moi lírico, aproxima a obra de Amando, aparentemente, ás correntes da abstracción lírica, mais, o resultado que transmite é distinto, hai nel unha sensación de familiaridade, de mundo recoñecíbel, case realista, estraño ao que en xeral a abstracción consegue comunicar.
            Nos cadros da mostra podemos seguir a impresión do pintor, que a partir dun proceso de elaboración plenamente pictórico, acaba por suxerir unha relación con lugares familiares, ligados ás súas vivencias —algunhas mesmo con matices antropolóxicos—, como acontece con obras como Praza de Compostela, Val do Avia, Las ou  Curtiñal. A chave da pintura de Amando está na combinación dun punto de partida de matriz pictórica que acaba por atinxir un carácter conceptual —unha sensación, un estado anímico, unha experiencia de comunicación co medio natural— para a partir de ambas crear un mundo baseado na estilización da luz e da cor. A dosificación deste xogo de elementos é o que permite a comunicación, o que fai que as obras funcionen como pintura, xa liberadas do peso da simple realidade; aspecto este de funcionar como pintura, non tan frecuente como nunha primeira impresión non atenta puidese semellar.
            Hai unha cita no fermoso catálogo editado con ocasión da mostra que pode ser ben ilustrativa do camiño que como pintor segue Amando, da intensa vontade poética que a súa obra agacha. Nel cítase os Diarios de Nicolaes ou Claes van Brechem, pintor holandés do século XVII que di: “A medida que envellezo, síntome mellor en todas partes. Xa non resido demasiado no meu corpo. Temo morrer calquera día destes. Sinto que a miña pel se volveu demasiado fina e porosa. E dígome a min mesmo. Un día a paisaxe acabará por me atravesar”.
            Algo dese desexo e desa poética aparece nos cadros de Amando, con esa aproximación á natureza realizada por medio dunha enorme austeridade formal, con esa levidade que preside toda a súa obra, coa sutil gradación de xogos lumínicos de diversas intensidades e modulacións, que acaba tamén por nos implicar e envolver.
            En Amando o interese pola paisaxe mantense ao longo de toda a súa obra, inscrito nunha vontade de aprehender o signo do tempo, ficando a paisaxe esencializada, reducida a un mínimo mais sutil xogo alusivo, no que tamén ocupa un papel fundamental a poética do título que é parte central da construción estética porque acaba por ser el o elemento conclusivo, que potencia o resultado final e que nomeando acaba tamén por completar a creación, lembremos que desde a Biblia nomear é crear, que a palabra pode ser ela mesma creación.
            Non quixera deixar de sinalar, para rematar, que a sala de exposicións da Deputación de Ourense e a montaxe realizada polo artista, ambas de grande atractivo, reforzan e dialogan cos cadros expostos, conseguindo un rico e suxestivo equilibrio que fai resaltar os matices, especialmente lumínicos das obras.

PINTOR E EDITOR

            Amando, alén de pintor, é un artista moi interesado pola reflexión teórica. El foi fundador e editor da revista Microfisuras, subtitulada expresivamente “Cadernos de pensamento e creación”, unha iniciativa que sumaba ao enorme rigor e calidade a presenza de pensadores de primeira liña internacional, centrándose normalmente en números monográficos de variados temas —“Arquitecturas”, “Exilios”, “A auga”, “Tempos incertos”, son algúns deles— nos que abundaba a análise teórica sobre as artes. Unha aventura da que saíron vinte números entre 1997 e 2002, que esperemos que teña unha continuidade o unha sucesión, nun contexto como o noso non sobrado de foros de debate por cuestións ligadas á reflexión sobre as artes plásticas.

Carlos L. Bernárdez

Páx. no Faro da Cultura (diario Faro de Vigo), 10 de febreiro de 2005